Artigos coa etiqueta: XL aniversario

Primeira entrega Historia do Grupo Scout Chan 292

Dentro da Comisión de voluntarios e voluntarias que están apoiando ao Kraal do Grupo na organización das actividades do XL aniversario do Grupo Scout Chan 292 existe un grupo de traballo específico enfocado na recopilación de documentos e imaxes históricos. O obxectivo non é outro que recuperar (na medida do posible) a memoria histórica do noso Grupo e documentala de forma que poidamos arquivalo todo de novo e desfrutar todos de tantas e tantas lembranzas.

Para poder facervos a todos e todas partícipes e coñecedores dalgúns dos momentos máis importantes desta longa andaina do Grupo Scout Chan temos previsto ir publicando nesta web unha serie de capítulos que recollan a esencia desa historia: a fundación, o crecemento do Grupo, lembranzas, imaxes curiosas, anécdotas, colaboracións e apoios fundamentais, acampadas, rutas, algo de choiva de cando en vez…etc. Unha historia de centos de familias, nenos, nenas, decenas e decenas de voluntarios e voluntarias animados polo espíritu scout de servizo e a inquedanza de deixar as cousas mellor de como as atoparon. Unha historia de xentes de Compostela que quixeron e queren construir un mundo mellor no seu entorno máis cercano. A historia do Grupo Scout Chan 292.  A nosa historia, a túa historia.

Velaquí vos deixamos o prometido, a primeira entrega. Esperamos que vos guste.

A historia do Grupo Scout Chan 292
Capítulo I: A prehistoria

É importante situar o contexto histórico do Escultismo en España no momento en que se formou o Grupo Scout Chan, nos primeiros anos despois da morte de Franco. Débese recordar que a Asociación Nacional de Exploradores de España (ANEDE) fora oficialmente suspendida polo réxime en 1940 e que o Escultismo continuou en España durante o franquismo gracias a moitos apoios da sociedade civil e relixiosa así como a unha certa tolerancia das autoridades do réxime, que destinaba tódolos medios a súa propia organización xuvenil oficial, a OJE. Deste modo a Asociación de Scouts de España (Exploradores de España)  non foi legalizada polo entón Ministerio da Gobernación ata o 31 de Xaneiro de 1977.

Nese contexto existira en Santiago o Grupo Sant-Yago, no que estaban, entre outros, Pedro D., que fixo a súa promesa de Lobato no 1970 (fotografía adxunta), os San Martín, os Ramil…

Este Grupo tiña a súa sede na Rúa do Franco, no edificio reformado ao lado da sede de Correos.

Promesa de Manada Pedro D. no Grupo Sant-Yago 08/02/1970

Promesa de Manada Pedro D. no Grupo Sant-Yago 08/02/1970

Estes son algúns dos recordos de Pedro D., que cito textualmente:

“O Grupo Sant-Yago da Asociación Scouts de España non tivo ningún tipo de relación co Chan salvo que no meu caso fun Lobato e Tropero a comezos dos anos 70. Tamén algúns Lobatos ingresaron despois no Chan.  Este grupo esmoreceu pouco a pouco sen saber moi ben o motivo desde a miña visión de rapaz de 12-13 anos. Falta de Scouters, próxima obra do local para correos, non o sei moi ben. Por suposto non había Comité de Pais e nese local do Franco acudían moitos xoves con inquietudes de todo tipo pois era dos poucos lugares que o réxime do momento permitía.

As actividades eran as propias da metodoloxía Scout. A Manada chamábase de Ahuwoora. O primeiro campamento no que participei foi en Ribasar, lugar alcumado “Paraíso Scout.”  Nas xuntanzas, creo que os sábados, pasábamos revisión de uniforme e hixiene, realizábamos xogos (algunha vez no Obradoiro), e superábamos probas para poder facer a Promesa. O local era moi atractivo para os rapaces a pesares de ser unha casa vella. Os locais das patrullas, nun barracón de feitura propia, tiña catro espazos: antílopes, búfalos, leopardos, xa non me lembro.

O Sant-Yago ocupaba o local cedido polo párroco de O Pilar ata a súa venda posterior a Correos. Tamén había un grupo de rapaces procedentes do Colexio Peleteiro co cura Jenaro C. ó fronte e realizaba a labor de capelán do grupo.”

Así, no ano 76, danse as circunstancias necesarias no colexio La Salle para crear o Chan. Un grupo de mozos de COU (Pedro, Piño, Andrés, Antonio, Javier, Pepe…), algúns deles vinculados ó grupo Polaris do irmán Manolo C., tiñan a inquedanza de traballar con rapaces.  A opción elixida para darlle forma foi crear un Grupo Scout, aproveitando  a presencia  e o empuxe do irmán de La Salle “Toli”, que xa posuía  experiencia nese campo por ter pertencido a un grupo scout en Santander. “Toli” foi así o primeiro Coordinador do grupo. Únese ó proxecto Suso A. e un grupo de rapaces do colexio cos que xa facía actividades ó aire libre. Algúns dos mozos de COU, como Pedro e Pepe, xa estiveran de Scouts no Sant-Yago.

Este ano, 1976 establécense os símbolos distintivos do grupo: pañoleta e nome que reflicten a ligazón do grupo coa terra galega e a súa realidade. O grupo inicialmente está formado por Patrullas distribuídas por idades: Búhos, Lobos, Antílopes, Fantitos e Leopardos. Trala primeira reunión Interscout en Palencia, nace a primeira Tropa.

E así, co soporte de La Salle como viveiro inicial de rapaces, educadores e infraestruturas, comeza a historia do Chan.

Categorías: Grupo | Etiquetas: ,,,, | Deixar un comentario

Ruta e gran Romería #XLAniversarioGSChan

CARTEL-CHAN-40ANN2 - copiaEstimados amigos e amigas:

Despois de explorar e rastrexar durante 40 anos centos e centos de sendeiros e aldeas en infinidade de rutas e acampadas, se algo sabemos é que todas as grandes festas que se precien nesta terra, todas as grandes romerías e verbenas, teñen un cartel informativo cas datas de celebración. Nós, no noso 40 Aniversario teremos … dúas!!

I.- Como non podería ser doutro xeito, a primeira será unha ruta (con pernocta incluída para os membros do Grupo) para conmemorar os camiños percorridos ó longo da xeografía galega; querendo revivir as lembranzas que tantos momentos de ledicia compartida nos trouxo durante todos estes anos. Facendo fincapé en aquilo que nos define e diferencia, que é o respecto e desfrute pola natureza a través da ruta.

APUNTADE!!! A data será o vindeiro venres 24 de xuño. A ruta, a última etapa do Camiño de Santiago, que rematará na Praza do Obradoiro o día 25 de xuño.

Convidámosvos a participar desta actividade a nenas e nenos, nais, pais, antigos membros do grupo, e a toda a xente que nalgún momento tivo contacto connosco, para así poder compartir un momento máxico todos xuntos.

 

II.- Ese mesmo día, trala recepción no Obradoiro, terá lugar a gran verbena. Nesta Gran Festa haberá unha pulpada, xogos, cancións, exposición fotográfica,… Non podedes faltar a este encontro que de seguro a máis dun traeralle grandes recordos.

APUNTADE!!! A cita será o vindeiro sábado 25 de xuño a partir das 13h en San Pedro de Busto.

Tedes maís información nos impresos de inscrición que se adxuntan ao pé. É moi importante que os cubrades e para facilitar a mellor organización posible, vos agradeceríamos que enviedes as vosas inscripcións antes do vindeiro día 19.

¡¡ESPERÁMOSVOS A TOD@S!!

Preme aquí para descargarte a Inscripción e información completa para a ruta do día 24

Preme aquí para descargarte a Inscripción e información completa para a Gran Festa do día 25

Preme aquí para descargar información xeral

 

Categorías: Grupo | Etiquetas: ,, | 2 Comentarios

Encontro co Concello

IMG_20160511_110537898_HDRO pasado mércores 11 fomos recibidos nas oficinas da Concellaría de Políticas Sociais e Diversidade por Concepción Fernández, concelleira responsable desta área no Concello de Santiago de Compostela.

Nesta reunión de traballo presentamos a programación de actividades do XL aniversario do noso Grupo Scout e plantexamos diversas vías para acadar a colaboración do Concello de Santiago nalgúns dos eventos maís importantes, como por exemplo o Gran Día ou o proxecto da exposición multimedia sobre a historia do Grupo. IMG_20160511_110557120_HDR

Levamos 4 décadas sendo un axente activo na educación para a mellora do entorno social e medioambiental, con infinidade de proxectos de moi diversa índole pero cun mesmo patrón: ser deseñados e realizados por nenos e nenas, por mozos e mozas, voluntarios e voluntarias. E queremos seguir traballando nestas liñas durante outros 40 anos (e os que veñan!) e para iso sen dúbida será moi importante a colaboración institucional co Concello da nosa cidade.

Nas fotografías, a Concelleira Concepción Fernández e Valle Marcos, coordinadora da Comisión do Aniversario ‪#‎40AnosCamiñandoXuntos‬

 

CARTEL-CHAN-40ANN2 - copia

 

Categorías: Grupo | Etiquetas: , | Deixar un comentario

“¡Mirade ben, lobos!”

E o soño tomou forma de idea, a idea tornouse proxecto, e hoxe o proxecto fíxose realidade: Unha sesión de cine totalmente exclusiva para o Grupo Scout Chan, cunha película tan especial para a Manada como El Libro De la Selva. Cinesa As Cancelas nos ofreceu nin máis nin menos que a sala “iSens”, e alí nos xuntamos na mañá do pasado sábado 300 persoas sumando nenos, nenas e mozos e educadores do Grupo, ademáis de familiares, amigos e antigos membros do Chan. Tamén contamos coa compañía do Coordinador de Voluntariado de ASDE Scouts de España e do Secretario e o Presidente de ASDE – Scouts de Galicia.
E para redondear a ocasión, convidamos a compartir esta sesión de cine cos nosos irmáns e irmás scouts composteláns do Grupo Scout Khaniwara (de Escultismo Católico Galego).
montaje_cine
A película “El Libro de la Selva”, que a factoría Disney volve a estrear 50 anos despois da primeira versión animada, se basea na obra do escritor británico Rudyard Kipling “El Libro de las Tierras Vírgenes”. Este relato sirve na pedagoxía scout como ambientación máxica á educación dos nenos e nenas de 8 a 11 anos.

mowgli_lobo

Ver unha sala de cine chea de xenta vinculada ao noso Grupo foi sen dúbida algo moi bonito que todos e todas gardaremos na memoria. Un dos momentos máis especiais foi sen dúbida a sorpresa que a organización tiña preparada: un video que se proxectou na pantalla antes da película, cunha selección de fotos de actividades dos últimos tempos.
Queremos reiterar o noso maior agradecemento a Cinesa (en especial a Carlos Chao) e á Ferretería FERRVA pola súa impagable colaboración como punto de venda anticipada das entradas.
Sen esquencer tampouco o agradecemento á Comisión de voluntarios e voluntarias que están detrás do programa de actos actos que se están desenvolvendo para celebrar o XL aniversario da fundación do Grupo Scout Chan 292. En especial a Pablo Rodríguez e Laura Valiño.
¡Seguimos! #‎40anosCamiñandoXuntos #‎XLaniversarioGrupoScoutChan‬
 

 

 
Categorías: Grupo | Etiquetas: | Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.