Artigos coa etiqueta: #40anoscamiñandoxuntos

Primeira entrega Historia do Grupo Scout Chan 292

Dentro da Comisión de voluntarios e voluntarias que están apoiando ao Kraal do Grupo na organización das actividades do XL aniversario do Grupo Scout Chan 292 existe un grupo de traballo específico enfocado na recopilación de documentos e imaxes históricos. O obxectivo non é outro que recuperar (na medida do posible) a memoria histórica do noso Grupo e documentala de forma que poidamos arquivalo todo de novo e desfrutar todos de tantas e tantas lembranzas.

Para poder facervos a todos e todas partícipes e coñecedores dalgúns dos momentos máis importantes desta longa andaina do Grupo Scout Chan temos previsto ir publicando nesta web unha serie de capítulos que recollan a esencia desa historia: a fundación, o crecemento do Grupo, lembranzas, imaxes curiosas, anécdotas, colaboracións e apoios fundamentais, acampadas, rutas, algo de choiva de cando en vez…etc. Unha historia de centos de familias, nenos, nenas, decenas e decenas de voluntarios e voluntarias animados polo espíritu scout de servizo e a inquedanza de deixar as cousas mellor de como as atoparon. Unha historia de xentes de Compostela que quixeron e queren construir un mundo mellor no seu entorno máis cercano. A historia do Grupo Scout Chan 292.  A nosa historia, a túa historia.

Velaquí vos deixamos o prometido, a primeira entrega. Esperamos que vos guste.

A historia do Grupo Scout Chan 292
Capítulo I: A prehistoria

É importante situar o contexto histórico do Escultismo en España no momento en que se formou o Grupo Scout Chan, nos primeiros anos despois da morte de Franco. Débese recordar que a Asociación Nacional de Exploradores de España (ANEDE) fora oficialmente suspendida polo réxime en 1940 e que o Escultismo continuou en España durante o franquismo gracias a moitos apoios da sociedade civil e relixiosa así como a unha certa tolerancia das autoridades do réxime, que destinaba tódolos medios a súa propia organización xuvenil oficial, a OJE. Deste modo a Asociación de Scouts de España (Exploradores de España)  non foi legalizada polo entón Ministerio da Gobernación ata o 31 de Xaneiro de 1977.

Nese contexto existira en Santiago o Grupo Sant-Yago, no que estaban, entre outros, Pedro D., que fixo a súa promesa de Lobato no 1970 (fotografía adxunta), os San Martín, os Ramil…

Este Grupo tiña a súa sede na Rúa do Franco, no edificio reformado ao lado da sede de Correos.

Promesa de Manada Pedro D. no Grupo Sant-Yago 08/02/1970

Promesa de Manada Pedro D. no Grupo Sant-Yago 08/02/1970

Estes son algúns dos recordos de Pedro D., que cito textualmente:

“O Grupo Sant-Yago da Asociación Scouts de España non tivo ningún tipo de relación co Chan salvo que no meu caso fun Lobato e Tropero a comezos dos anos 70. Tamén algúns Lobatos ingresaron despois no Chan.  Este grupo esmoreceu pouco a pouco sen saber moi ben o motivo desde a miña visión de rapaz de 12-13 anos. Falta de Scouters, próxima obra do local para correos, non o sei moi ben. Por suposto non había Comité de Pais e nese local do Franco acudían moitos xoves con inquietudes de todo tipo pois era dos poucos lugares que o réxime do momento permitía.

As actividades eran as propias da metodoloxía Scout. A Manada chamábase de Ahuwoora. O primeiro campamento no que participei foi en Ribasar, lugar alcumado “Paraíso Scout.”  Nas xuntanzas, creo que os sábados, pasábamos revisión de uniforme e hixiene, realizábamos xogos (algunha vez no Obradoiro), e superábamos probas para poder facer a Promesa. O local era moi atractivo para os rapaces a pesares de ser unha casa vella. Os locais das patrullas, nun barracón de feitura propia, tiña catro espazos: antílopes, búfalos, leopardos, xa non me lembro.

O Sant-Yago ocupaba o local cedido polo párroco de O Pilar ata a súa venda posterior a Correos. Tamén había un grupo de rapaces procedentes do Colexio Peleteiro co cura Jenaro C. ó fronte e realizaba a labor de capelán do grupo.”

Así, no ano 76, danse as circunstancias necesarias no colexio La Salle para crear o Chan. Un grupo de mozos de COU (Pedro, Piño, Andrés, Antonio, Javier, Pepe…), algúns deles vinculados ó grupo Polaris do irmán Manolo C., tiñan a inquedanza de traballar con rapaces.  A opción elixida para darlle forma foi crear un Grupo Scout, aproveitando  a presencia  e o empuxe do irmán de La Salle “Toli”, que xa posuía  experiencia nese campo por ter pertencido a un grupo scout en Santander. “Toli” foi así o primeiro Coordinador do grupo. Únese ó proxecto Suso A. e un grupo de rapaces do colexio cos que xa facía actividades ó aire libre. Algúns dos mozos de COU, como Pedro e Pepe, xa estiveran de Scouts no Sant-Yago.

Este ano, 1976 establécense os símbolos distintivos do grupo: pañoleta e nome que reflicten a ligazón do grupo coa terra galega e a súa realidade. O grupo inicialmente está formado por Patrullas distribuídas por idades: Búhos, Lobos, Antílopes, Fantitos e Leopardos. Trala primeira reunión Interscout en Palencia, nace a primeira Tropa.

E así, co soporte de La Salle como viveiro inicial de rapaces, educadores e infraestruturas, comeza a historia do Chan.

Categorías: Grupo | Etiquetas: ,,,, | Deixar un comentario

¡Imos ao cine! ¿Te apuntas?

¡O programa de eventos para celebrar o noso XL aniversario está lanzado!
Como xa vos adiantamos, unha das actividades máis sorprendentes consiste en asistir ao visionado da nova adaptación cinematográfica de Disney sobre “O Libro da Selva”, baseada como ben sabedes na fermosa obra literaria de Rudyard Kipling sobre a que bascula toda a ambientación que Baden Powell elixiu para a Manada.

Por iso é un gran pracer convidarvos a todos a unha SESIÓN ESPECIAL exclusiva para o Grupo Scout Chan 292, o vindeiro sábado 16 de abril ás 11:00 da mañá, cun prezo especial de 5 €/persoa. Unha sala reservada para toda a gran familia do Chan, para gozar da maxia do cinema acompañados de familiares e amigos… e con algunha que outra sorpresa! Unha ocasión perfecta tamén para achegar ao Grupo a amigos dos rapaces ou fillos dos vosos familiares, veciños, etc, para que nos coñezan un pouco máis.
foto entrada LibroSelva
Esta sesión é froito do traballo de voluntarios e voluntarias da Comisión e da colaboración de Cinesa As Cancelas. Cabe destacar que falamos do día seguinte á mesmísima estrea da película.
Por cuestións de organización previa e para garantir a ocupación da sala, a venda de entradas realizarase de forma ANTICIPADA: podedes adquirir as entradas na ferretería FERRVA (Rúa de Vista Alegre, 61). ¡Bulide, non quededes sen as vosas!

¡Esperamos vervos a todos e todas na que será unha ocasión histórica! ¡Enchamos a sala!

Velaquí vos deixamos un tráiler da película: https://youtu.be/tC_ev0n-l4A

E tedes a circular desta actividade tan especial na área de Descargas.

Categorías: Clan, Grupo, Kraal, Manada, Tropa Scout, Unidade Esculta | Etiquetas: , | 1 Comentario

¡Presentamos o cartel das festas! #XLaniversarioGSChan292

Despois de percorrer durante 40 anos centos e centos de sendeiros e aldeas en infinidade de rutas e acampadas, se algo sabemos é que todas as grandes festas que se precien nesta terra, todas as grandes romerías e verbenas teñen o seu cartel, o cartel das festas, que nos indica as datas, os eventos, as actuacións musicais…
Pois moi ben, o noso XL aniversario non vai ser menos, así que…..¡velaquí tedes a estrea mundial do fantástico cartel das nosas festas!
Como vedes aínda nos faltan confirmar datas definitivas para cada acto, pero de momento xa podedes coñecer os 4 eixos fundamentais do programa de actividades no que estamos a traballar: 40 anos… de ledicia; … educando en liberdade; … en ruta; … de celebracións. ¡Compartídeo!
#40aniversarioGSChan292 #40anosCamiñandoXuntos #40aniversarioGrupoChan

CARTEL-CHAN-40ANN2 - copia

 

Queremos agradecerlle públicamente o deseño deste cartel a Monste Pereira, quen tempo atrás formou parte activa do Grupo, e que agora dende a distancia pon o seu tempo unha vez máis a disposición dun proxecto do Chan.

¡Moitas grazas Monste! ¡Contamos contigo!

 

Categorías: Grupo | Etiquetas: ,, | 2 Comentarios

¡Comeza o XL aniversario do Grupo Scout Chan 292!

IMG_1234O pasado sábado organizamos un pequeno acto para inaugurar formalmente as celebracións do XL aniversario do noso Grupo Scout Chan 292. Foi un acto breve e sinxelo pero emocionante e cheo de ganas de celebrar este importante cumpreanos como todos e todas merecemos. Contouse coa participación dos rapaces e rapazas e scouters de todas as seccións do Grupo, con pais, nais e familiares, e tamén con persoas que formaron parte desa longa historia que vai percorrendo o Grupo Chan na súa andaina polo escultismo.

No acto se presentaron algunhas pinceladas das actividades que se están a preparar dende unha Comisión de voluntarios e voluntarias (scouters do Kraal, scouters de apoio, pais e antigos membros do Grupo) con moita ilusión.

Xa vos iremos desvelando máis pouco a pouco, pero de momento como aperitivo vos podemos comentar que o programa de celebracións se artella sobre catro eixos fundamentais, algúns cunha vertente máis pública ou institucional, e outros más enfocados de cara aos centos de persoas (tratade de imaxinar canta xente pasa por un grupo coma o noso en catro décadas)  que formamos a gran familia do Grupo Scout Chan 292:

  1. “40 anos educando en liberdade en Santiago” –Exposición multimedia e recopilación dun Arquivo Histórico
  2. “40 anos en ruta” –Ruta por algun tramo do Camiño de Santiago, recepción e Gran Verbena
  3. “40 anos de ledicia” –Recopilación de cancións de Grupo
  4. “40 anos de celebracións” –Gran Cea

E velaquí tedes o logotipo que nos acompañará todo este ano de celebración, ¡esperamos que vos guste tanto como a nós!:

Logo40aniversarioEn palabras da Coordinadora do Grupo: “Hoxe presentamos un logo que pretende ser moito máis que unha imaxe. Quere ser o scout que, dunha ou outra forma, todos fomos e somos na sociedade. Quere ser o mencer nun día frío de inverno en plena acampada, e o atardecer nos días de campamento. Quere ser nosa flor de lis, a Lei Scout e o noso lema. Este logo quere ser tamén a fotografía de cada un de vós e a de todos os nenos, nenas e adultos que descubrirán o escultismo como forma de vida e ao Grupo Scout Chan como a súa segunda familia.”

Aínda que as interpretacións poden ser persoais, vos compartimos unha explicación do simbolismo desta imaxe:

O logo representa un número “40”, que está formado pola silueta dun “4” unido ao que representa a metade dereita dunha flor de lis. O catro simboliza a silueta dunha persoa (scout), e o cero sería a súa mochila, que están unidos pola pañoleta do noso grupo. O conxunto simbolizaría a un scout en plena ruta á luz do mencer, ou do atardecer (baixo a lux do sol, en definitiva).

A pañoleta rodeando á silueta scout e á mochila é un pouco a unión que nos une ás persoas que estamos e estiveron no grupo e o nó ao rededor é a fraternidade scout.

En canto ás cores, o amarelo é cor do sol, dos días de campamento, de reunións, como esas tardes de rutas. O morado é a cor polo que representa aos scouts en todo o mundo, e o granate nos lembra a cor da bandeira de Santiago de Compostela, a nosa cidade, o entorno social e medioambiental que levamos 40 anos tratando de mellorar. Finalmente o tono gris podería representar todas as noites de acampada ao aire libre, e o ceo que máis frecuentemente nos cubre en todas as saídas que os rapaces e rapazas do Grupo levan realizando dende fai 40 anos.

Categorías: Clan, Grupo, Kraal, Manada, Tropa Scout, Unidade Esculta | Etiquetas: ,,,,,, | Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.