Artigos coa etiqueta: #40anosenruta

Primeira entrega Historia do Grupo Scout Chan 292

Dentro da Comisión de voluntarios e voluntarias que están apoiando ao Kraal do Grupo na organización das actividades do XL aniversario do Grupo Scout Chan 292 existe un grupo de traballo específico enfocado na recopilación de documentos e imaxes históricos. O obxectivo non é outro que recuperar (na medida do posible) a memoria histórica do noso Grupo e documentala de forma que poidamos arquivalo todo de novo e desfrutar todos de tantas e tantas lembranzas.

Para poder facervos a todos e todas partícipes e coñecedores dalgúns dos momentos máis importantes desta longa andaina do Grupo Scout Chan temos previsto ir publicando nesta web unha serie de capítulos que recollan a esencia desa historia: a fundación, o crecemento do Grupo, lembranzas, imaxes curiosas, anécdotas, colaboracións e apoios fundamentais, acampadas, rutas, algo de choiva de cando en vez…etc. Unha historia de centos de familias, nenos, nenas, decenas e decenas de voluntarios e voluntarias animados polo espíritu scout de servizo e a inquedanza de deixar as cousas mellor de como as atoparon. Unha historia de xentes de Compostela que quixeron e queren construir un mundo mellor no seu entorno máis cercano. A historia do Grupo Scout Chan 292.  A nosa historia, a túa historia.

Velaquí vos deixamos o prometido, a primeira entrega. Esperamos que vos guste.

A historia do Grupo Scout Chan 292
Capítulo I: A prehistoria

É importante situar o contexto histórico do Escultismo en España no momento en que se formou o Grupo Scout Chan, nos primeiros anos despois da morte de Franco. Débese recordar que a Asociación Nacional de Exploradores de España (ANEDE) fora oficialmente suspendida polo réxime en 1940 e que o Escultismo continuou en España durante o franquismo gracias a moitos apoios da sociedade civil e relixiosa así como a unha certa tolerancia das autoridades do réxime, que destinaba tódolos medios a súa propia organización xuvenil oficial, a OJE. Deste modo a Asociación de Scouts de España (Exploradores de España)  non foi legalizada polo entón Ministerio da Gobernación ata o 31 de Xaneiro de 1977.

Nese contexto existira en Santiago o Grupo Sant-Yago, no que estaban, entre outros, Pedro D., que fixo a súa promesa de Lobato no 1970 (fotografía adxunta), os San Martín, os Ramil…

Este Grupo tiña a súa sede na Rúa do Franco, no edificio reformado ao lado da sede de Correos.

Promesa de Manada Pedro D. no Grupo Sant-Yago 08/02/1970

Promesa de Manada Pedro D. no Grupo Sant-Yago 08/02/1970

Estes son algúns dos recordos de Pedro D., que cito textualmente:

“O Grupo Sant-Yago da Asociación Scouts de España non tivo ningún tipo de relación co Chan salvo que no meu caso fun Lobato e Tropero a comezos dos anos 70. Tamén algúns Lobatos ingresaron despois no Chan.  Este grupo esmoreceu pouco a pouco sen saber moi ben o motivo desde a miña visión de rapaz de 12-13 anos. Falta de Scouters, próxima obra do local para correos, non o sei moi ben. Por suposto non había Comité de Pais e nese local do Franco acudían moitos xoves con inquietudes de todo tipo pois era dos poucos lugares que o réxime do momento permitía.

As actividades eran as propias da metodoloxía Scout. A Manada chamábase de Ahuwoora. O primeiro campamento no que participei foi en Ribasar, lugar alcumado “Paraíso Scout.”  Nas xuntanzas, creo que os sábados, pasábamos revisión de uniforme e hixiene, realizábamos xogos (algunha vez no Obradoiro), e superábamos probas para poder facer a Promesa. O local era moi atractivo para os rapaces a pesares de ser unha casa vella. Os locais das patrullas, nun barracón de feitura propia, tiña catro espazos: antílopes, búfalos, leopardos, xa non me lembro.

O Sant-Yago ocupaba o local cedido polo párroco de O Pilar ata a súa venda posterior a Correos. Tamén había un grupo de rapaces procedentes do Colexio Peleteiro co cura Jenaro C. ó fronte e realizaba a labor de capelán do grupo.”

Así, no ano 76, danse as circunstancias necesarias no colexio La Salle para crear o Chan. Un grupo de mozos de COU (Pedro, Piño, Andrés, Antonio, Javier, Pepe…), algúns deles vinculados ó grupo Polaris do irmán Manolo C., tiñan a inquedanza de traballar con rapaces.  A opción elixida para darlle forma foi crear un Grupo Scout, aproveitando  a presencia  e o empuxe do irmán de La Salle “Toli”, que xa posuía  experiencia nese campo por ter pertencido a un grupo scout en Santander. “Toli” foi así o primeiro Coordinador do grupo. Únese ó proxecto Suso A. e un grupo de rapaces do colexio cos que xa facía actividades ó aire libre. Algúns dos mozos de COU, como Pedro e Pepe, xa estiveran de Scouts no Sant-Yago.

Este ano, 1976 establécense os símbolos distintivos do grupo: pañoleta e nome que reflicten a ligazón do grupo coa terra galega e a súa realidade. O grupo inicialmente está formado por Patrullas distribuídas por idades: Búhos, Lobos, Antílopes, Fantitos e Leopardos. Trala primeira reunión Interscout en Palencia, nace a primeira Tropa.

E así, co soporte de La Salle como viveiro inicial de rapaces, educadores e infraestruturas, comeza a historia do Chan.

Advertisement
Categorías: Grupo | Etiquetas: ,,,, | Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.