O Grupo Scout Chan 292 é unha organización civil, sen ánimo de lucro, de libre adhesión, de carácter educativo, plural e aberto, con carácter cívico non partidista, inspirada nos Fins, Principios e Método do Movemento Scout Mundial. Ten como fin contribuír á formación integral da infancia e a xuventude, axudándolles a desenvolver plenamente as súas capacidades, tanto como persoas, como cidadanía responsable e como persoas comprometidas coa súa comunidade local, autonómica, nacional e internacional.
O Grupo Scout Chan 292 forma parte da Organización Mundial do Movemento Scout, o maior movemento xuvenil do mundo, presente en 223 países e territorios e con 54 millóns de persoas que xogan un papel activo na sociedade para construír un mundo mellor.
“Contribuímos á educación e ao desenvolvemento da infancia e a mocidade a través dos valores da Promesa e a Lei Scout, formando persoas críticas, autónomas e con capacidade de liderado. O noso obxectivo é impulsar un espírito democrático, emprendedor e solidario que permita a cada individuo construír activamente un mundo máis xusto, equitativo e feliz.”
Visualizamos un futuro onde cada persoa que medra no noso grupo se converta na protagonista absoluta do seu desenvolvemento, transformándose nunha auténtica líder de servizo na súa comunidade. Acompañados por adultos comprometidos coa súa educación, buscamos que apliquen a súa autonomía e espírito crítico para resolver os desafíos do mañá.
Aspiramos a ser o motor dunha transformación social real, onde os nosos scouts impulsen activamente a construción dunha sociedade máis inclusiva, ética e respectuosa co medio ambiente, demostrando con feitos que é posible deixar este mundo mellor de como o atopamos.
Compartidos co Movemento Scout, son a forza que leva adiante a Misión e a Visión declaradas:
- Educación en Valores: Fomentamos a liberdade, a xustiza e a responsabilidade social dentro dun marco de convivencia e servizo.
- Profundidade Persoal: Promovemos valores humanos e espirituais que axuden a superar o materialismo e formen personalidades sólidas.
- Espíritu Crítico: Ensinamos a analizar a contorna e as ideoloxías para que cada mozo poida elixir a súa propia opción de vida con liberdade e saúde.
- Acción e Servicio: Defendemos o medio ambiente e a cooperación como vías para entender e mellorar a nosa sociedade.
- Protagonismo Xove: Empoderamos á mocidade facilitando o diálogo entre xeracións para construír xuntos un mundo mellor.
Os nosos compromisos
No Grupo Scout Chan 292 entendemos o tempo libre como unha oportunidade única para o crecemento persoal. Asumimos o noso labor cun compromiso firme cara á sociedade da que formamos parte, facendo realidade a nosa Visión día a día e transformándoa en accións concretas a través dos nosos compromisos educativos:
- Compromiso Social como axentes de cambio.
- Compromiso Ambiental polo coidado e respecto da nosa contorna.
- Compromiso para a Saúde a través da prevención e promoción da saúde para a mellora da calidade de vida.
- Compromiso Espiritual baseado en principios éticos e morais.

