Desde a Federación ASDE-Scouts de Galicia, a proposta do Grupo Scout Chan 292 e co galo do Centenario da chegada do Movemento Scout a Galicia, puxemos en marcha unha acción solidaria moi sinxela pero moi especial: unha acción de apadriñamento en colaboración coa delegación galega da ONG Aldeas Infantiles SOS.
Trátase dunha actividade vinculada ao noso espírito scout de servicio, cooperación e solidariedade. Con esta acción queremos concienciar aos nosos rapaces e rapazas das necesidades existentes no noso contorno máis próximo, non fai falta ir lonxe para achegar o noso granito de area para facer deste mundo, un mundo mellor. Nesta campaña participamos actualmente o Grupo Scout Chan 292 e mailo Grupo Scout Semente 597 de A Coruña.
A colaboración en concreto consiste en que apadriñaremos unha aldea infantil que Aldeas Infantiles SOS Galicia ten situada en Redondela.
É un lugar formado por 13 casas, sete delas dedicadas a fogares funcionais onde conviven nenos e nenas de diferentes idades que proveñen de familias en situación de risco, onde se lle posibilita un desenvolvemento emocional e persoal adecuado, nun ambiente seguro e estable.
A achega é de 20€ mensuais, cada Grupo participante do proxecto terá unha hucha no seu local e cada membro do grupo de forma voluntaria depositará entre 0.30 e 0.50 € ao mes. Con iso contribuímos a que todos os nenos e nenas que habitan cada un dos fogares teñan un entorno familiar que lles protexa onde poidan contar polo menos cunha persoa de referencia. Significa que en cada fogar sexan queridos, sentan seguros e respectados e, aos poucos, vaian desenvolvéndose plenamente en todos os ámbitos da súa vida. Significa contribuír a que os nenos e nenas da Aldea Infantil SOS poidan decidir sobre o seu futuro ata ter a autonomía necesaria para integrarse na sociedade.
Ata o momento podemos dicir que a resposta da gran familia que compoñemos o Grupo Scout Chan (nenos, nenas, familiares, scouters, etc) está sendo admirable.
¡Con esta pequena acción axudamos a construír un mundo mellor!
¡¡Colabora co #ApadriñamentoScout!!