Tal e como viñamos comentando nesta páxina e nas redes sociais, o sábado pasado o Grupo Scout Chan participou nas tarefas de servizo medioambiental levadas a cabo por ASDE-Scouts de Galicia no proxecto Pegada Scout.
O plan de traballo incluía, entre outras accións, a limpeza dun área recreativa, o arranxo da sinalización do roteiro PR–97 e a prantación de varios exemplares de especies árboreas autóctonas. Todo isto no marco do Lugar de Importancia Comunitaria de Abegondo-Cecebre, que forma parte da Rede Natura 2000 e poucos días antes do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño).

Dous scouters do Grupo Chan, Pablo e Prisco (de dereita a esq.) conversan co Director Xeral de Xuventude (centro) e o Alcalde de Abegondo (esq.)
O proxecto foi realizado coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude de Galicia e o Concello de Abegondo.
Nesta importante actividade participaron tamén os Grupos 19 e Vasco da Ponte (Ferrol), San Jorge e Semente (A Coruña)
A Pegada Scout (Huella Scout) forma parte do programa de actividades e eventos que estamos a desenvolver este ano 2012 para conmemorar o 100º aniversario da creación dos scouts en Galicia e España