Os scouts de ASDE – Scouts de Galicia buscaremos a solidariedade dos veciños de A Coruña, Ferrol e Santiago para colaborar co Banco de Alimentos o sábado 1 de xuño
Máis de 250 nenos/as e mozos/as impulsarán a “Operación #KiloScout” simultánea en centros comerciais e prazas céntricas
A dramática situación que viven moitos veciños de Galicia por motivo da crise económica impulsa esta acción da federación ASDE – Scouts de Galicia, en colaboración con Banco de Alimentos Rías Altas. Os scouts galegos botarémonos á rúa este sábado 1 de xuño coa intención de procurar a solidariedade cidadá para colaborar coa aportación de alimentos para aquelas persoas que verdadeiramente o necesitan para comer.
ASDE – Scouts de Galicia organiza así a xornada denominada “#KiloScout” na que máis de 250 nenos/as e mozos/as dos Grupos Scouts da nosa ONGD difundirán esta petición de axuda ante a necesidade de forma simultánea nas cidades da Coruña (Semente 597 e San Jorge 33), Ferrol (Ferrol 19 e Vasco da Ponte 636) e en Santiago de Compostela (o noso Grupo Chan 292).
Deste xeito, en SANTIAGO os escultas e os rovers (de 14 a 20 anos de idade), provistos de petos identificativos, atenderán un punto de recollida de alimentos non pererecederos no hipermercado Alcampo (en Área Central), durante todo o horario do centro de 9:30 a 22:00
Distribuiranse nas entradas para animar aos clientes a que merquen algo de máis para o Banco de Alimentos. Logo, nas caixas, recolleranos e gardaranos para a súa posterior distribución polo Banco de Alimentos Rías Altas.
Por outra banda, os lobatos e tropeiros (de 8 a 14 anos de idade) buscarán a sensibilización da cidadanía para lograr unha colaboración co Banco de Alimentos, realizando nas rúas uns xogos de concienciación e distribuirán folletos explicando a inicitaiva #KiloScout, a acción solidaria do Banco de Alimentos e as posibles vías de axuda.
Asemade, instalarán unha mesa informativa na Praza Roxa de 17.00 a 20.00 horas para que calqueira persoa interesada poida doar alimentos non perecederos.
O obxectivo da acción non se limita a recoller quilos de alimentos o sábado, qué xa de por si é moi importante, senón tamén a xerar unha actitude de colaboración máis continuada co Banco de Alimentos.
¡¡Convidámosvos a todos e todas a participar nesta iniciativa coas vosas doazóns de alimentos, e dándolle a maior difusión posible!!
Moitas grazas
Máis información en: http://scoutsdegalicia.org/2013/05/29/operacion-kiloscout/